segunda-feira, 26 de abril de 2004

"Buscando a Deus"

por ISAAC DÍAZ PARDO, in La Voz de Galicia, 26.4.2004

ESTES DÍAS anduvo por Galicia Adolfo Pérez Esquivel, premio Nobel da Paz no 1980 pola súa loita na defensa dos dereitos humanos.

Pérez Esquivel fíxose arquitecto e escultor na Universidade de La Plata [La Plata é a capital da provincia de Buenos Aires]. Católico militante, fundou no 1974 o Servicio de Paz y Justicia, o que o enfrentou ás dictaduras que padeceu o cono sur de América ao denunciar as atrocidades cometidas polo rexímenes militares que o tiveron detido e torturado, e en algunha ocasión con bispos da nova interpretación da ciencia do amor ao próximo que ilumina a algúns seres buscando en Deus unha solución ás discordias humanas na paz e na xustiza. Mais este é un mundo difícil no que prevalecen os sistemas económicos inxustos e a violencia como forma de manter a inxustiza -ás veces disfrazada de xustiza- como defensa dos intereses económicos dos privilexiados.

Non é só Pérez Esquivel quen anda detrás da paz e da xustiza coa súa fe de crente convencido, axudando aos que sufren a miseria e a explotación, cunha aptitude admirable, nun mundo no que non se lle ve solución a este animal recén saído da selva, pois non se sabe por onde vai cun predominio dos que andan a buscar petróleo, e outros negocios, e non perden o tempo en buscar a Deus.

Este arxentino é verdadeiramente un iluminado, algo ten que ver coa súa formación de artista, de arquitecto, que influiron na súa sensibilidade. Penso que cando hai autenticidade, xa sexa plástico ou poeta, o ser atópase como proido polas causas xustas. Se teño algún lector, invítoo a que analice a obra material ou inmaterial dos que acadaron trascendencia para ver nela o compromiso que tiveron os outros autores coa sorte dos homes. Pero o mundo é así: uns poucos idealistas entre moitos que só están a sacar tallada con todo e coa obra que fan outros.

Tiven que acompañar a Esquivel na súa conferencia en Oleiros, e só se me ocorreu saudalo con aquel poema de León Felipe no que di: «Hay un hombre que trafica con las cosas / y otro hombre que las quiere organizar / el organizador es el artista [dixen sinalando a el] el otro es el chalán / y la lucha en el mundo ha sido siempre / entre artistas y chalanes nada más».

Aínda que sexan poucos, Esquivel non está solo na búsqueda de Deus na paz e na xustiza. De algunha maneira esta especie que somos, que en algún momento adquiriu conciencia de si mesmo, e aprendeu a chorar polos males alleos cando a sorrir pola súa felicidade, empezou a preguntarse que facemos acó, de onde vimos, para que vimos, e así empezamos a buscar a Deus, dende o eido no que nacemos, con sabor a esa terra e á súa circunstancia, para xustificar a nosa vida. Non importa a existencia, ou non, do ser que nos axuda, pois o seu existir, ou non, ficará a pesar das nosas crenzas.

Eu remataba de estar cun amigo que non cre na convivencia co mundo musulmán, que só tentará eliminarnos, polo que tivemos que botalos da Península. Meu amigo non sabe que botamos aos mouros, aos xudeus e aos republicanos.

Esquivel cre que non importa a diferencia de credos, que temos que entendernos respectando as crenzas da cada quen.

Sem comentários: